Cibrán Arxibai vén de publicar un artigo de opinión no xornal Sermos Galiza sobre o caso da gardería da Coruña (Jungle World) que lle prohibiu ao seu corpo de traballadores e traballadoras usar o galego, feito que denunciou unha das empregadas. Titúlase: Jungle World:radiografía da política lingüística e nel fai unha reflexión moi interesante. Deixamos aquí uns parágrafos que debedes ler:
De todo o sucedido no incidente Jungle World ou en casos semellantes, o silencio oficial é o que máis dano fai a unha lingua en clara desprotección. Silencio do conselleiro de política social. Silencio do conselleiro de educación, Silencio do secretario xeral de cultura, do de política lingüística. Finalmente, silencio tamén do vicepresidente e do propio presidente. Velaí a explicación da actuación da directiva de Jungle World. A omertá, o código de silencio ante os agravios á lingua galega é o que lle dá azos aos negacionistas.
Reciprocamente, a actitude do centro explícanos a do goberno: gábase o plurilingüismo, divúlgase, ofértase, multiplicase; mais, que é realmente? Pois o plurilingüismo é o inglés, exclusivamente. Como ademais todo o sistema sobregarante e sobreprotexe o castelán xa temos o resultado completo: o plurilingüismo é, en conclusión, a exclusión do galego. Obtivemos así, descarnado, o esquelete do guión que o PP está seguindo no goberno da lingua. A radiografía da política lingüística da Xunta é Jungle World.
Por se alguén non sabe ben do caso que se menciona, aquí queda a recompilación das noticias que se publicaron sobre o tema (elaborada tamén polo autor do anterior artigo):
Un centro infantil da Coruña impídelles ás profesoras empregar o galego, 14/10/15, no Sermos Galiza
Unha profesora dun centro infantil da Coruña denuncia que lle prohiben usar o galego, 14/10/15, La Voz de Galicia
O centro de atención á infancia Jungle World da Coruña prohibe o uso do galego, 14/10/15, A Mesa
"Non temo ser despedida porque estou orgullosa de denunciar o meu caso", 15/10/15, no Sermos Galiza
Jungle World apela á súa condición privada para xustificar a exclusión do galego, 15/10/15, no Sermos Galiza
CIG e Mesa diríxense a Política Social por Jungle World discriminar o galego, 16/10/15, no Sermos Galiza
A Mesa pola Normalización Lingüísitica e a CIG-Ensino exíxenlle
ao conselleiro de política social que actúe de inmediato para garantir
os dereitos lingüísticos e a oferta positiva do galego no centro Jungle, 16/10/15, A Mesa
“Como poden poñerme un tapón na boca para que non cante en galego?”, 18/10/15, no Sermos Galiza
Xa levamos máis de un mes de curso e convivencia nas aulas presencias de Lingua galega e literatura e tamén na Aula virtual.
Agora arrancamos tamén o noso contacto a través deste blog de aula. Aquí haberá noticias do voso interese referidas a todos os aspectos da materia, nomeadamente a cuestións de sociolingüística e literatura.
Tamén tendes páxinas específicas referidas a aqueles aspectos sobre os que tendes que investigar para as exposicións orais.
Lembrade que con algunha dedicación diaria, os resultados han ser moi agradecidos.
Por que o galego ten a normativa que ten? Cal foi a transcendencia de
Filgueira Valverde nese proceso de normativización do idioma? Esas son
as dúas cuestións que o documental da AGAL (Associaçom Galega da Língua)
e dirixido por Ozo Perozo intenta responder neste documental de media
hora de duración e destinado fundamentalmente ao ensino secundario.
Decreto Filgueira
relata os acontecementos que precederon a aprobación da normativa en
vigor en 1982 e fai tamén un repaso histórico da normativización da
lingua galega. Lembra, ademais, como as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego
(ILG-RAG) "nem foram as primeiras normas oficiais, nem contárom com o
apoio de importantes setores da cultura galega, que debatia intensamente
sobre qual havia de ser a orientaçom ortográfica do galego desde o
início dos anos 70", tal e como explica o equipo da fita.
Así, o documental repasa os diferentes posicionamentos
lingüísticos e as formulacións normativas que cada un deles xerou desde
que en 1970 Carvalho Calero sacara as primeiras Normas Ortográficas do Idioma Galega da Real Academia Galega
e que forn asumidas como proias polo mundo de Galaxia. E explica tamén
as discusións, debates e mesmo negociacións entre duas propostas
"dissidentes que acabariam por tornar-se irreconciliáveis": a
autonomista, aglutinada arredor do Instituto da Lingua Galega (ILG) e a
reintegraconista, que se foi nucleando arredor do propio Carvalho
Calero, que a cada paso asumía posturas máis lusistas.
Explica tamén como comezados os anos 80, a Xunta oficializaba uhas normas que pretendían o consenso e que partían dunha orientación converxente co portugués.
Carvalho Calero presidía aquela Comisión de Lingüística da Xunta, pero
en 1982 unhas novas normas que viraban a orientación anterior relegaban
as do vello catedrático. Foi Filgueira Valverde quen oficializou esta
nova normativa coa súa sinatura. O autor ao que este ano se lle dedica o
Día das Letras fora membro da anterior Comisión de Lingüística da
Xunta. A reviravolta deu lugar a un dos lustros de maior polémica e
tensión este debate normativo.
É un intento por facer comprensible o debate, sobre todo para aqueles
que o descoñecen e para o alumnado de Secundaria, de aí que incúa vídeos
de animación e entrevistas que contextualizan os feitos.
Fonte: Praza pública
A poesía, aínda que non vos pareza, evoluciona. A edición da poesía tamén. A literatura galega conta co seu primeiro poemario "dixital e transmedia" (en palabras do seu autor Fran Alonso). Trátase de Poétic@.gal, un poemario que non podedes deixar de ler, escoitar, ver...
Nel tamén se lembran 5 motivos para ler poesía. Aínda que vós cómpre reler o manifesto completo, déixovos aquí algunhas ideas principais:
- Non morde, nin é aburida..
- Serve para case todo, mesmo como somnífero..
- Atópase nas cousas cotiás, na música e no supermercado...
- Non hai que obsesionarse con descifrala, pero si saber gozala
Carlos Negro veu ao noso centro hai dous anos falar da poesía galega actual. Vede o vídeo da súa extraordinaria exposición para aprender da man del moito sobre este tema:
Tivemos a sorte de que tamén veu o ano pasado presentar o seu último libro, Penúltimas tendencias; momento no que aproveitaron dúas compañeiras para facerlle unha interesante entrevista.
Non deixedes de ver o vídeo da entrevista:
e mais o da presentación do libro:
Saía onte a noticia no xornal La Voz, baixo o titular: O rianxeiro que levou o galego a Android. E aí estaba o ex-alumno do IES, Álvaro Ordóñez, como galardoado por AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) por facer o primeiro teclado gratuíto para Android. Parabéns Álvaro!
O ano pasado conseguiu desenvolver unha aplicación
gratuíta que lle permite aos móbiles co sistema operativo Android
«entender o galego», e ese traballo valeulle o seu primeiro
recoñecemento.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(Amtega) escolleu o teclado dixital creado por un equipo formado polas
empresas FAZ e Cilenis, xurdidas ao abeiro da Universidade de Santiago
de Compostela. Xa había unha base lingüística e o que fixo Álvaro
Ordóñez foi desenvolver a parte informática, e fíxoo utilizando software
libre: «Facer un teclado partindo de cero cos nosos medios sería
imposible, e o que fixemos foi usar as solucións que xa había
introducindo modificacións para que o programa entendera o galego».
O resultado foi o primeiro teclado en galego gratuíto
para Android, un carro ao que ao pouco tempo se subiu Google lanzando a
súa propia aplicación. Pero, a diferenza do deseñado polo buscador, o
programa «feito na terra» non só utiliza o galego, tamén corrixe a
ortografía e os erros máis frecuentes, e inclúe terminacións verbais ben
conxugadas. Outra das súas vantaxes é o texto preditivo: «O teclado vai
aprendendo e canto máis se utilice máis palabras recoñece». Facer isto
non estivo exento de dificultades e, de feito, aínda falta moito por
facer porque o galego «é un idioma moi rico» e construcións coma os
diminutivos ou os pronomes de solidariedade supoñen unha complicación
engadida.
Nos 5 minutos que dura esta curta, titulada Fronteiras, podedes entender a situación do galego exterior na voz dos seus protagonistas. Non deixedes de anotar os trazos lingüísticos dos falantes.
Sobre a situación do galego do Val do Ellas, cómpre ler o artigo de Xosé Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo.