Cibrán Arxibai vén de publicar un artigo de opinión no xornal Sermos Galiza sobre o caso da gardería da Coruña (Jungle World) que lle prohibiu ao seu corpo de traballadores e traballadoras usar o galego, feito que denunciou unha das empregadas. Titúlase:
Jungle World:radiografía da política lingüística e nel fai unha reflexión moi interesante. Deixamos aquí uns parágrafos que debedes ler:
De todo o sucedido no incidente Jungle World ou en casos semellantes, o silencio oficial é o que máis dano fai a unha lingua en clara desprotección. Silencio do conselleiro de política social. Silencio do conselleiro de educación, Silencio do secretario xeral de cultura, do de política lingüística. Finalmente, silencio tamén do vicepresidente e do propio presidente. Velaí a explicación da actuación da directiva de Jungle World. A omertá, o código de silencio ante os agravios á lingua galega é o que lle dá azos aos negacionistas.
Reciprocamente, a actitude do centro explícanos a do goberno: gábase o plurilingüismo, divúlgase, ofértase, multiplicase; mais, que é realmente? Pois o plurilingüismo é o inglés, exclusivamente. Como ademais todo o sistema sobregarante e sobreprotexe o castelán xa temos o resultado completo: o plurilingüismo é, en conclusión, a exclusión do galego. Obtivemos así, descarnado, o esquelete do guión que o PP está seguindo no goberno da lingua. A radiografía da política lingüística da Xunta é Jungle World.
Por se alguén non sabe ben do caso que se menciona, aquí queda a recompilación das noticias que se publicaron sobre o tema (elaborada tamén polo autor do anterior artigo):
- Un centro infantil da Coruña impídelles ás profesoras empregar o galego, 14/10/15, no Sermos Galiza
- Unha profesora dun centro infantil da Coruña denuncia que lle prohiben usar o galego, 14/10/15, La Voz de Galicia
- O centro de atención á infancia Jungle World da Coruña prohibe o uso do galego, 14/10/15, A Mesa
- "Non temo ser despedida porque estou orgullosa de denunciar o meu caso", 15/10/15, no Sermos Galiza
- Jungle World apela á súa condición privada para xustificar a exclusión do galego, 15/10/15, no Sermos Galiza
- CIG e Mesa diríxense a Política Social por Jungle World discriminar o galego, 16/10/15, no Sermos Galiza
- A Mesa pola Normalización Lingüísitica e a CIG-Ensino exíxenlle
ao conselleiro de política social que actúe de inmediato para garantir
os dereitos lingüísticos e a oferta positiva do galego no centro Jungle, 16/10/15, A Mesa
- “Como poden poñerme un tapón na boca para que non cante en galego?”, 18/10/15, no Sermos Galiza
Ningún comentario:
Publicar un comentario