luns, 23 de marzo de 2015

O primeiro teclado en galego para Android fíxoo Álvaro Ordóñez, ex-alumno do noso IES

Saía onte a noticia no xornal La Voz, baixo o titular: O rianxeiro que levou o galego a Android. E aí estaba o ex-alumno do IES, Álvaro Ordóñez, como galardoado por AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) por facer o primeiro teclado gratuíto para Android. Parabéns Álvaro!

O ano pasado conseguiu desenvolver unha aplicación gratuíta que lle permite aos móbiles co sistema operativo Android «entender o galego», e ese traballo valeulle o seu primeiro recoñecemento.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) escolleu o teclado dixital creado por un equipo formado polas empresas FAZ e Cilenis, xurdidas ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela. Xa había unha base lingüística e o que fixo Álvaro Ordóñez foi desenvolver a parte informática, e fíxoo utilizando software libre: «Facer un teclado partindo de cero cos nosos medios sería imposible, e o que fixemos foi usar as solucións que xa había introducindo modificacións para que o programa entendera o galego».
O resultado foi o primeiro teclado en galego gratuíto para Android, un carro ao que ao pouco tempo se subiu Google lanzando a súa propia aplicación. Pero, a diferenza do deseñado polo buscador, o programa «feito na terra» non só utiliza o galego, tamén corrixe a ortografía e os erros máis frecuentes, e inclúe terminacións verbais ben conxugadas. Outra das súas vantaxes é o texto preditivo: «O teclado vai aprendendo e canto máis se utilice máis palabras recoñece». Facer isto non estivo exento de dificultades e, de feito, aínda falta moito por facer porque o galego «é un idioma moi rico» e construcións coma os diminutivos ou os pronomes de solidariedade supoñen unha complicación engadida.
(Continúa  e La Voz)

1 comentario:

  1. Pode que esta sexa a forma de iniciar a ligazón entre o galego e a informática, que ate agora era prácticamente nula, utilizando sempre o castelán á hora de manexar un navegador, pero ter este teclado de forma predeterminada quizá anime a xente a darlle uso en máis ámbitos, inda que sexa de forma inconsciente. Con todo, se cadra hai quen prefire seguir a usar o seu rexistro oral que inclúe gheada e seseo, incompatibles aparentemente con este sistema, e decida rexeitalo con indiferencia. De todas formas o mellor para gañar popularidade sería expandirse a outras plataformas coma iOS —que non se trata dun sistema de código aberto coma Android, polo que a adaptación tal vez non sexa tan sinxela— ou afiliándose a Google, a gran plataforma detrás de Android, xa que a súa versión do teclado galego suporía un avance con respecto á deste, que é demasiado básica como para exercer unha diferenza significativa con calquera outro coma o castelán.

    ResponderEliminar