venres, 1 de xaneiro de 2016

O galego no século XXI: Alarma cos datos do IGE

Nos últimos meses do ano 2014 apareceron os resultados da enquisa elaborada polo IGE (Instituto Galego de Estatística). Calquera que faga sociolingüística de orella xa estaba preparado para recibir esta información, é dicir, que non nos colleu de sorpresa, o que non quere dicir que non nos doia.

Saen as primeiras noticias a mediados de outubro dando conta dos datos xerais. Tanto o xornal Sermos Galiza, coma O xornal Praza pública dan a noticia de que a poboación monolingüe en galego xa non é maioritaria en Galicia. Os datos anuncian que o uso habitual do galego cae 13 puntos entre 2001 e 2011. O IGE deixa á vista que, por primeira vez, as persoas que din falar "sempre" galego xa non son maioría. No anterior estudo o 57% da poboación do país tiña o galego como lingua de uso cotián. Mentres, o 30% sinalaba que o empregaba "ás veces" e o 13%, nunca. Unha década despois os falantes habituais de galego pasan de achegarse ao 60% a non acadar nin o 45%. Concretamente, quen usan "sempre" o idioma propio de Galicia son o 44% do total, mentres que o fala "ás veces" o 45% da poboación e "nunca" o 11%.
Pero os peores datos estaban por chegar. Ao publicárense os datos por franxas de idade, a principios de decembro, saltaron as alarmas ao quedar á vista que 3 de cada 4 menores de 15 anos non falan galego (non o usan "nunca" ou "case nunca". Nunha pequena reportaxe en V televisión déixano claro xa no titular:


A información dos datos polo miúdo pode lerse en El País. Neste mesmo xornal,
Xosé Manuel Pereiro daba conta de como a situación do galego "encendía todas as alarmas" a través dunha reportaxe na que achega datos e voces de estudosos desta cuestión.  Neste mesmo día e neste mesmo xornal fanlle unha entrevista ao Secretario Xeral de Política Lingüística e non ten desperdicio: a culpa é dos do IGE que non atoparon os galegofalantes!! Onde estabades metidos/as? a ver...


Polo seu lado, o presidente da RAG faille recomendacións ao presidente do goberno para que free a caída, pero  este só bota balóns fóra e argumenta que a súa política lingüística non influíu nos malos resultados, e estes só se poden achacar.... ás familias!. O líder da oposición argumenta que nin Franco conseguiu tanto coma el en tan pouco tempo.
Comezan os artigos de opinión: Domínguez Alberte, profesor de lingua galega e literatura e tamén escritor, opina sobre a necesidade de volver ao PXNL; a secretaria d'A Mesa, Susana Díaz, fala de Lingua, realidade e datos. O politólogo Barreiro Rivas elabora un controvertido artigo titulado: Donde está el error del gallego? arredor do que moitos especialistas protestan porque semella que presenta as vítimas como culpables. Finalmente, a profesora da UDC e escritora, Mª Pilar García Negro, opina que "a culpa é do galego, por existir"

O hábitat sempre tivo, e segue a ter, importancia. Os usos do galego en Rianxo caeron moito nos últimos anos, pero como partiamos dunha situación idílica (sobre todo se comparamos co resto da comarca do Barbanza) aínda estamos lonxe do que pasa nas cidades. E senón que llo pregunten a Aldara Betanzos, cuxo testemuño quedou reflectido nun artigo publicado na revista Bico da ría: "">Heroínas da nosa lingua"