domingo, 30 de novembro de 2014

luns, 17 de novembro de 2014

Teatro de Otero Pedrayo: A lagarada

Representada polo Centro Dramático Galego en 1992 no Pazo de Trasalba

Teatro de Dieste: A fiestra valdeira

Un fragmento da Fiestra valdeira de Dieste onde se recolle a idea principal da obra: a imaxe que a fiestra transmite no cadro. Un problema de identidade individual que se pode extrapolar á realidade colectiva

 

martes, 11 de novembro de 2014

Estudar galego...

Nace este blog para as aulas da materia de Lingua Galega e Literatura  de 2º de Bacharelato do IES Félix Muriel.
A inmensa maioría dos estudantes deste centro están matriculados nas diferentes ramas científicas e moi habitualmente cuestionan o feito de teren que estudar literatura e mesmo lingua (como se esta non lles fixese falta para expresárense nas súas vidas futuras dedicadas á ciencia pura).

E malia a seren os futuribles lectores  e lectoras maioritariamente da rama de ciencias, quero estrear esta bitácora con algunhas reflexións que Francisco Cidrás (profesor e director do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador das probas de lingua galega para as PAU) publicou hai uns días a propósito dos estudos de Filoloxía Galega, nun artigo titulado: Hai cousa peor que estudar galego?

Criticaba o autor ao xornal Praza Pública por expoñer en titulares que Filoloxía Galega estaba "entre as peores carreiras de todo o Estado para atopar traballo". A isto foille respondendo de xeito moi acaído, indicando aspectos como:

Podo comprender o sentido do relatorio desde a perspectiva do Ministerio, como entendo a teima polos rankings de clasificacións das universidades (e de calquera cousa) e, en xeral, a vontade de satisfacer pulsións fondamente ideolóxicas coa fasquía de datos obxectivos.
  (...) 
O que non entendo é o sentido da noticia elaborada por un medio que se di defensor do galego pero que actúa como mero transmisor ‘obxectivo’ duns datos sen esbozar a mínima análise crítica acerca de por que as cousas son como son, de se son realmente como se di que son e de como a sociedade vai ler eses datos, en ausencia desa análise crítica. Da noticia só me confortou o teor dalgúns comentarios de lectores que apuntaban a estas eivas e ao efecto de desánimo a que conducen, encastelándonos na torre da derrota.
Gustaríame reflexionar brevemente sobre a obxectividade de tanto dato obxectivo e sobre o obxectivo de tanta obxectividade. Porque a reprodución (selectiva) de datos adoita ter razóns pouco asépticas. Por desgraza, isto vese con demasiada frecuencia, en medios de comunicación galegos, nas noticias que teñen que ver co futuro do galego no sistema educativo –no sistema universitario, neste caso. Citarei só dous exemplos que estamos a vivir nestes mesmos días:

a) Recentes directrices do Ministerio e da Consellería impuxeron un número mínimo de 50 estudantes de nova matrícula para manter os actuais graos universitarios. A medida vai provocar unha profunda reestruturación do mapa de titulacións (a só dous anos de saíren as súas primeiras promocións) pois arredor dun terzo das existentes non acadan esa cifra mínima, tanto en Galicia como en España. Porén, os xornais galegos centraron durante moito tempo o foco de atención na noticia de que Filoloxía Galega non ten a matrícula mínima, que é a única das filoloxías ‘maiores’ que está nesa situación e que a súa continuidade corre perigo. E non é que o dato sexa falso: é simplemente significativo que se centre nela a información, apagando o dato tamén obxectivo de que en idéntica situación se atopan 14 dos 48 graos da USC e máis de 700 graos no conxunto do Estado.

b) Hai tempo que a ACSUG (organismo autónomo responsable oficial do control externo da calidade do Sistema Universitario Galego) publica anualmente unha Análise da inserción laboral dos titulados no SUG, bastante máis completa que a que publica agora o Ministerio. Nese estudo, a porcentaxe de persoas licenciadas en Filoloxía Galega que están traballando aos dous anos de licenciarse sitúase nos informes de 2008 a 2012 (os últimos cinco anos estudados) nunha porcentaxe do 73%. Mesmo o dobre do 37% que lle atribúe o estudo do Ministerio –correspondente ao ano 2014 mais referido aos licenciados en 2010.

Segue no artigo explicando a razón de que os datos do MECD sexan pouco significativos e convoca a unha boa reflexión en todo o texto. (Continuar lendo)