domingo, 25 de outubro de 2015

CURSO 2015-2016 no IES Félix Muriel (2º Bac.)


Xa levamos máis de un mes de curso e convivencia nas aulas presencias de Lingua galega e literatura e tamén na Aula virtual.
Agora arrancamos tamén o noso contacto a través deste blog de aula. Aquí haberá noticias do voso interese referidas a todos os aspectos da materia, nomeadamente a cuestións de sociolingüística e literatura.

Tamén tendes páxinas específicas referidas a aqueles aspectos sobre os que tendes que investigar para as exposicións orais.

Lembrade que con algunha dedicación diaria, os resultados han ser moi agradecidos.

domingo, 17 de maio de 2015

"Decreto Filgueira" ou Por que o galego ten a normativa que ten?

Por que o galego ten a normativa que ten? Cal foi a transcendencia de Filgueira Valverde nese proceso de normativización do idioma? Esas son as dúas cuestións que o documental da AGAL (Associaçom Galega da Língua) e dirixido por Ozo Perozo intenta responder neste documental de media hora de duración e destinado fundamentalmente ao ensino secundario.

Decreto Filgueira relata os acontecementos que precederon a aprobación da normativa en vigor en 1982 e fai tamén un repaso histórico da normativización da lingua galega. Lembra, ademais, como as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (ILG-RAG) "nem foram as primeiras normas oficiais, nem contárom com o apoio de importantes setores da cultura galega, que debatia intensamente sobre qual havia de ser a orientaçom ortográfica do galego desde o início dos anos 70", tal e como explica o equipo da fita. 
Así, o documental repasa os diferentes posicionamentos lingüísticos e as formulacións normativas que cada un deles xerou desde que en 1970 Carvalho Calero sacara as primeiras Normas Ortográficas do Idioma Galega da Real Academia Galega e que forn asumidas como proias polo mundo de Galaxia. E explica tamén as discusións, debates e mesmo negociacións entre duas propostas "dissidentes que acabariam por tornar-se irreconciliáveis": a autonomista, aglutinada arredor do Instituto da Lingua Galega (ILG) e a reintegraconista, que se foi nucleando arredor do propio Carvalho Calero, que a cada paso asumía posturas máis lusistas.
Explica tamén como comezados os anos 80, a Xunta oficializaba uhas normas que pretendían o consenso e que partían dunha orientación converxente co portugués. Carvalho Calero presidía aquela Comisión de Lingüística da Xunta, pero en 1982 unhas novas normas que viraban a orientación anterior relegaban as do vello catedrático. Foi Filgueira Valverde quen oficializou esta nova normativa coa súa sinatura. O autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras fora membro da anterior Comisión de Lingüística da Xunta. A reviravolta deu lugar a un dos lustros de maior polémica e tensión este debate normativo.
É un intento por facer comprensible o debate, sobre todo para aqueles que o descoñecen e para o alumnado de Secundaria, de aí que incúa vídeos de animación e entrevistas que contextualizan os feitos.
Fonte: Praza pública

domingo, 12 de abril de 2015

Poética.gal: poesía dixital e transmedia

A poesía, aínda que non vos pareza, evoluciona. A edición da poesía tamén. A literatura galega conta co seu primeiro poemario "dixital e transmedia" (en palabras do seu autor Fran Alonso).  Trátase de Poétic@.gal, un poemario que non podedes deixar de ler, escoitar, ver...
Capa de 'Poetic@'

Nel tamén se lembran 5 motivos para ler poesía. Aínda que vós cómpre reler o manifesto completo, déixovos aquí algunhas ideas principais:
- Non morde, nin é aburida..
- Serve para case todo, mesmo como somnífero..
-  Atópase nas cousas cotiás, na música e no supermercado...
- Non hai que obsesionarse con descifrala, pero si saber gozala

xoves, 9 de abril de 2015

Poesía galega actual

Carlos Negro veu ao noso centro hai dous anos falar da poesía galega actual. Vede o vídeo da súa extraordinaria exposición para aprender da man del moito sobre este tema:
Tivemos a sorte de que tamén veu o ano pasado presentar o seu último libro, Penúltimas tendencias; momento no que aproveitaron dúas compañeiras para facerlle unha interesante entrevista. Non deixedes de ver o vídeo da entrevista: e mais o da presentación do libro:

luns, 23 de marzo de 2015

O primeiro teclado en galego para Android fíxoo Álvaro Ordóñez, ex-alumno do noso IES

Saía onte a noticia no xornal La Voz, baixo o titular: O rianxeiro que levou o galego a Android. E aí estaba o ex-alumno do IES, Álvaro Ordóñez, como galardoado por AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) por facer o primeiro teclado gratuíto para Android. Parabéns Álvaro!

O ano pasado conseguiu desenvolver unha aplicación gratuíta que lle permite aos móbiles co sistema operativo Android «entender o galego», e ese traballo valeulle o seu primeiro recoñecemento.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) escolleu o teclado dixital creado por un equipo formado polas empresas FAZ e Cilenis, xurdidas ao abeiro da Universidade de Santiago de Compostela. Xa había unha base lingüística e o que fixo Álvaro Ordóñez foi desenvolver a parte informática, e fíxoo utilizando software libre: «Facer un teclado partindo de cero cos nosos medios sería imposible, e o que fixemos foi usar as solucións que xa había introducindo modificacións para que o programa entendera o galego».
O resultado foi o primeiro teclado en galego gratuíto para Android, un carro ao que ao pouco tempo se subiu Google lanzando a súa propia aplicación. Pero, a diferenza do deseñado polo buscador, o programa «feito na terra» non só utiliza o galego, tamén corrixe a ortografía e os erros máis frecuentes, e inclúe terminacións verbais ben conxugadas. Outra das súas vantaxes é o texto preditivo: «O teclado vai aprendendo e canto máis se utilice máis palabras recoñece». Facer isto non estivo exento de dificultades e, de feito, aínda falta moito por facer porque o galego «é un idioma moi rico» e construcións coma os diminutivos ou os pronomes de solidariedade supoñen unha complicación engadida.
(Continúa  e La Voz)

martes, 3 de marzo de 2015

O galego exterior

Nos 5 minutos que dura esta curta, titulada Fronteiras, podedes entender a situación do galego exterior na voz dos seus protagonistas. Non deixedes de anotar os trazos lingüísticos dos falantes. Sobre a situación do galego do Val do Ellas, cómpre ler o artigo de Xosé Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo.

venres, 23 de xaneiro de 2015

Galego e sanidade

Desde que en 2009 se mudou a Lei de función pública, nin os coñcementos de galego poden determinar o acceso a unha praza de funcionario/a, nin os aspirantes á devandita praza teñen que facer un dos exames escritos en galego (novidade que se introducira en 2007 co goberno anterior). Os exames de galego nunca foron eliminatorios para conseguir un posto na sanidade pública. Facíanse ao final da oposición sempre e cando non tiveran ningún diploma de ter feito algún curso (chegaban 120 horas). Agora tamén poden acreditar coñecementos con un título dun curso, pero poden facelo despois de ter a praza.
 Como en Galicia non hai xente maior, e toda ten altísimos niveis de escolarización... pois non é preciso que médicos e enfermeiras coñezan ben a súa lingua. Nin sequera que lles falen nela...



Mais non se trata só de ter que entenderse con maiores. Tamén se trata de cidadáns e cidadás que temos dereitos e de mocidade que terá que oír falar en diferentes ámbitos na súa lingua e non verse obrigada a mudar para o castelán para que lle diagnostiquen a doenza. No blog "As MIR e unha noites" veñen de publicar un post titulado "Os médicos que non falaban galego". Nel preséntase unha interesantísima reflexión e dánselle resposta a todos os prexuízos que sobrevoan o discurso arredor do tema. Un dos máis comúns que os grandes "comentaristas" dos medios non deixan que se contraargumente é aquel que di:
Pero estamos en España, un médico español ten que poder traballar en calquera lugar de España. E segundo a Constitución Española todos os españois teñen o deber de coñecer o castelán, entón non hai problema.

Contestan eles:

Uau, quen hai un pouco renegaba da imposición agora recorre a ela para xustificarse. Se existe o deber de saber o castelán, mais só o dereito de usar o galego... cal é a lingua que se está a impor? E até que punto é lexítimo obrigar a unha persoa a non usar a súa lingua na súa terra? Vale máis a teima dun médico español en non aprender o galego que o dereito dunha persoa galega por usar o seu idioma?
Así van rebatendo un a un as diferentes afirmacións prexuizosas que escoitamos normalmente sobre a nosa lingua:
 Non se pode impoñer a lingua
Para ser bo médico (quen di médico di dentista, fisioterapeuta, enfermeira, xuíz... ) non hai que saber galego.
É mellor que saiba moito de medicina aínda que non fale galego
Xa aprenderá galego se lle fai falta
Temos bilingüismo harmónico e non hai conflito
...
E vós que opinades?