venres, 23 de xaneiro de 2015

Galego e sanidade

Desde que en 2009 se mudou a Lei de función pública, nin os coñcementos de galego poden determinar o acceso a unha praza de funcionario/a, nin os aspirantes á devandita praza teñen que facer un dos exames escritos en galego (novidade que se introducira en 2007 co goberno anterior). Os exames de galego nunca foron eliminatorios para conseguir un posto na sanidade pública. Facíanse ao final da oposición sempre e cando non tiveran ningún diploma de ter feito algún curso (chegaban 120 horas). Agora tamén poden acreditar coñecementos con un título dun curso, pero poden facelo despois de ter a praza.
 Como en Galicia non hai xente maior, e toda ten altísimos niveis de escolarización... pois non é preciso que médicos e enfermeiras coñezan ben a súa lingua. Nin sequera que lles falen nela...



Mais non se trata só de ter que entenderse con maiores. Tamén se trata de cidadáns e cidadás que temos dereitos e de mocidade que terá que oír falar en diferentes ámbitos na súa lingua e non verse obrigada a mudar para o castelán para que lle diagnostiquen a doenza. No blog "As MIR e unha noites" veñen de publicar un post titulado "Os médicos que non falaban galego". Nel preséntase unha interesantísima reflexión e dánselle resposta a todos os prexuízos que sobrevoan o discurso arredor do tema. Un dos máis comúns que os grandes "comentaristas" dos medios non deixan que se contraargumente é aquel que di:
Pero estamos en España, un médico español ten que poder traballar en calquera lugar de España. E segundo a Constitución Española todos os españois teñen o deber de coñecer o castelán, entón non hai problema.

Contestan eles:

Uau, quen hai un pouco renegaba da imposición agora recorre a ela para xustificarse. Se existe o deber de saber o castelán, mais só o dereito de usar o galego... cal é a lingua que se está a impor? E até que punto é lexítimo obrigar a unha persoa a non usar a súa lingua na súa terra? Vale máis a teima dun médico español en non aprender o galego que o dereito dunha persoa galega por usar o seu idioma?
Así van rebatendo un a un as diferentes afirmacións prexuizosas que escoitamos normalmente sobre a nosa lingua:
 Non se pode impoñer a lingua
Para ser bo médico (quen di médico di dentista, fisioterapeuta, enfermeira, xuíz... ) non hai que saber galego.
É mellor que saiba moito de medicina aínda que non fale galego
Xa aprenderá galego se lle fai falta
Temos bilingüismo harmónico e non hai conflito
...
E vós que opinades?